WTF! / Ay, Cariño! (Cris Vilariño e Diego M. Buceta)
Venres 6 de Setembro – 20:00
Praza de Mazarelos



Título WTF!
Duración 13 min
Creación e Interpretación Ay, Cariño! (Cris Vilariño e Diego M. Buceta)
Espacio Sonoro Acacia Ojea
Vestiario Marte Martinka e Ay, Cariño!
Sinopse
WTF! é unha fuxida cara diante, o correr pavoroso de dúas criaturas chegadas á Terra dende un planeta lonxano e estrano. Ou simplemente diferente.
É unha explosión. É un carnaval. É un disparate.
É unha expresión de shock convertida nun absurdo de ritmo frenético. Unha mestura de xogo e movemento que dende a cor e o brillo cristaliza unha idea quizais sinistra tras a néboa da festa: por que corren estas dúas criaturas? Que ven que lles fai fuxir sen pausa cara diante? Que lles aterra tanto?
Quizais non lles gusta o que ven aquí abaixo. Ou quizais esas criaturas chegadas doutra galaxia somos todxs nós reflectidxs nun espello inesperado. Correndo ata quedar sen alento para chegar a non sabemos onde.
Cris Vilariño
Diplomada en danza contemporánea polo Conservatorio Profesional de danza de Lugo, son tamén licenciada en Xornalismo e conto no meu haber cun posgrao de Fotoperiodismo.
A danza butoh, o body weather e diversas técnicas de improvisación foron os alicerces da miña investigación persoal. Cheguei a este camiño da man de Matilde Javier Ciria, e continuei afondando con diferentes mestres como Yumiko Yoshioka, Rizomee Le, Atsushi Takenuchi, YukioWaguri, Andrés Corchero ou Hisako Horikawa, así como coa aprendizaxe autodidacta e a experimentación continua.
Como creadora e intérprete, levo a cabo numerosos proxectos como Cyan (2021), MUUM (2017), Ven bailar á Verbena (2017), Liminal (2015) ou Haiku (2012), sendo cocreadora noutros espectáculos como A gala (2018) e Incerteza (2017) da cía. Licenciada Sotelo, Todas as cartas de amor son ridículas (2017), PINDO (2014), Oda Maritima (2014) ou De página en blanco (2012) do Colectivo Tanuki.
Como intérprete, participo en diferentes producións como Serva me, Servabo te (Pálido Domingo/ Centro Dramático Galego, 2021), Trenza (2020) e NIDO/ RIZOMA (cía. Sharon Fridman, Holanda, 2016).
Actualmente colaboro coa compañía Licenciada Sotelo e sigo a desevolver os seus proxectos persoais.
Como docente impartín clases regulares a nenos e adultos, así como obradoiros intensivos de body weather, laboratorios de movemento e improvisación, conciencia e sensibilidade corporal. Levo a cabo diversos procesos creativos con adolescentes e investigo sobre a relación da creatividade e os procesos educativos.
No curso 2017/2018 dirixín a aula de danza da Universidade de Ourense e en 2019 encabezo o proxecto MASA (Mover As Aulas) do Teatro Rosalía de Castro de A Coruña. En 2020 poño en marcha o proxecto LED (Lugo en Danza), programación e mediación ao redor das artes do movemento, financiado pola Área de Cultura do Concello de Lugo.
Diego M. Buceta
Titulado superior en interpretación textual pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (2005-2009), no ano 2010 ingreso no Real Conservatorio Profesional de Danza de Madrid, estudos que remato no Conservatorio Profesional de Danza de Granada no ano 2015.
Complemento a miña formación con profesionais como Lucas Condró, Patricia Caballero, Sharon Fridman, Lali Ayguadé, Les Slovaks, Rootlessroot Company, Jose Agudo (Akram Khan Company), Jorge Crecis, Daniel Abreu, Dairakudakan Temputenshiki, Cranämour Company e Hisako Horikawa entre outrxs.
Desenvolvo a miña carreira profesional en montaxes de creadorxs e compañías como Aitana Cordero (Los Besos, Santander, 2023), Roberta Ferrara (Nostos- il ritorno, Italia, 2022), Lucía Marote (El Ojo del huracán, Madrid, 2021), A Friend in the OrchidRoom Company (Study about repetition and efforts, Bélxica, 2021), Voadora (A amnesia de Clío, Galicia,2020), La Coja Dansa (Lloc Joc Xoc, Valencia, 2019), La Imperfecta (Upbeat/ downbeat, Madrid, 2019),Álvaro Frutos (Waterloo, Zaragoza, 2017/ 2018), Sharon Fridman (Nido/Rizoma, Holanda, 2016) e TinoSehgal (Instead of Allowing Some Thing to Rise Up to Your Face Dancing Bruce and Dan and Other Things, Sevilla, 2015/ 2016) entre outrxs.
Como creadorx, entre os anos 2017 e 2021 dou vida a diferentes proxectos dentro da plataforma de movemento Pálido Domingo, firmando xunto con Belén Bouzas e Fran Martínez os espectáculos Non hai que ser unha casa para ter pantasmas (2017) – premio da Crítica no Certame Coreográfico deMadrid 2018 e segundo premio no certame DanzaXtrema 2019- , Pentecostés (2020) e Serva me, servabo te (2021), este último como produción propia do Centro Dramático Galego.
As vacacións máis longas é o meu primeiro traballo en solitario, finalista no certamen Sólodos en Danza2018 e recoñecido co premio á Mellor Interpretación no certame M2/ Festival FIOT (Galiza) 2018.
@diegom.buzeta
Ay, Cariño! tamén dará a seguinte formación dentro do festival
WTF! | Obradoiro HerDanza con Ay, Cariño! (Cris Vilariño e Diego M. Buceta)
6 de Setembro de 10:30 a 13:30
