KIND / Javier Arozena – La Compañía
Sábado 9 de Maio – 21:30
Casa das Máquinas



Título KIND
Duración 55 min
Concepto: Javier Arozena e Gino Senesi
Intérprete: Javier Arozena
Vestiario: j.a.c.
Imaxes: Israel Pérez (1) e Germán Antón (2 e 3)
Agradecementos a: Fernando Pérez, Richard Correa, Sergio Acosta, Óscar Hernández, María García, Marta Suárez, Roberto Torres, Patricia Figuero, Rosa María Castell, Aída García, Asun Noales.
Sinopse
KIND é unha práctica, un soporte e un abrazo.
O lugar onde un corpo fráxil atopa apoios e agarres; onde aferrarse a outro corpo —soster e ser sostida— configura unha ética de interdependencia e, á súa vez, un xesto político e poético.
KIND é un encontro íntimo e colectivo que afirma o vulnerable como potencia e o incerto como territorio fértil do que “aínda podería chegar a ser”. Un lugar do “aínda non”, onde a creación se entende como proceso aberto, impermanente e inacabado, nun constante devir.
En KIND, corpos presentes e ausentes dialogan: voces de Simone Weil, Giorgio Agamben e Pepe Espaliú resoan no intérprete, que escoita e encarna memorias, fraxilidades e resistencias.
Así, KIND inspírase na acción Carrying de Espaliú, onde o abrazo e o sostén dun corpo seropositivo se converte en acto político e xesto de supervivencia compartida.
De Weil resoan as súas nocións de decreación —a suspensión voluntaria do ego e do control para abrirse a aquilo que transcende o eu— para propoñer un estado de receptividade radical.
E seguindo a lectura de Agamben, interrómpense automatismos e desactívanse sistemas, para revelar outras formas de estar xuntas nas que non é necesario abolir o xa existente, senón abrir fendas por onde se coe o posible.
Javier Arozena – La Compañía é o tándem creativo formado polo artista Javier Arozena e o arquitecto Gino Senesi.
Desenvolvemos a nosa práctica artística poñendo en relación corpo, ambiente, espazo arquitectónico e territorio.
Practicamos a escoita sensible, a observación atenta ou o tacto sutil durante os procesos para dar corpo ao invisible e materia ao intanxible. E que deste modo poidan facer a súa reaparición en toda a súa potencia, dando lugar a espazos de reflexión, paisaxes de contemplación, territorios de pensamento.Desde este posicionamento artístico bailamos os procesos dos traballos vivos e as buscas vitais que nos ocupan.
Javier Arozena é artista e investigador en artes vivas. O seu traballo desenvólvese na intersección entre coreografía, prácticas curatoriais e procesos de investigación artística.
Desenvolve a súa práctica artística desde 2001 como intérprete, creador e docente. Actualmente forma parte de Dance On Ensemble (Berlín).
Forma e co-dirixe, desde 2019, xunto ao arquitecto Gino Senesi, o tándem creativo Javier Arozena – La Compañía, cun repertorio de traballos coreográficos para espazos escénicos e outros espazos de exhibición.
Realiza a curadoría do Programa Público de Artes Vivas “POR ASALTO” en TEA Tenerife Espazo das Artes entre 2022 e 2025.
Desenvolve o comisariado, xunto a Natalia Álvarez Simó, da exposición “Este pode ser o lugar, performar o museo”, presentada no Museo TEA Tenerife Espazo das Artes entre marzo e maio de 2023, e no Centro de Cultura Contemporánea Condeduque entre setembro de 2024 e febreiro de 2025.
Inicia, en 2025, a curadoría e coordinación de Artes Vivas do equipo de TEA Tenerife Espazo das Artes como parte do proxecto P.I.T. (Perform – Inform – Transform), cofinanciado polo programa Creative Europe da Unión Europea, no consorcio formado xunto á Fondazione Triennale Milano, CAC – Centro de Arte Contemporánea (Vilnius), MUDAM – Museo de Arte Moderna Gran Duque Xoán (Luxemburgo), BOZAR – Palacio de Belas Artes (Bruxelas) e Fundação Serralves (Oporto).
Guiará a práctica «Abrir o corpo,desbordar a danza» dentro da programación de herDanza Itinera. O 9 de Maio de xeito gratuíto previa inscripción de 11:30 a 13:00 na Casa das máquinas. Toda a info aquí.

