O proxecto

Can Cun Quinqué é un proxecto de creación, investigación e formación en danza contemporánea con sede en Santiago de Compostela. Está dirixido por Leodán Rodríguez Casas e Isabel Sánchez Temprano, e xorde como un espazo no que tratamos de combinar práctica escénica, pedagoxía e xestión cultural dentro do ámbito das artes vivas.

Ao longo do tempo fomos desenvolvendo unha liña de traballo centrada na experimentación co movemento e na relación entre o corpo, o espazo e o contexto. Creamos pezas como Stay (2014), Paseo pola danza (2016), Hambre (2016), Aucentia (2017) ou Spotlight (2020), que se moven entre o formato escénico e a intervención en espazos non convencionais. E actualmente coas novas pezas en investigación e produción Cantos Rodados e Vide Vida.

Ademais da creación escénica, tamén fomos incorporando o traballo audiovisual como parte do noso proceso artístico, explorando a relación entre danza e cámara. Neste ámbito realizamos pezas de videodanza e colaboramos na creación de videoclips, entendendo o audiovisual como unha extensión do movemento e unha ferramenta para investigar novas linguaxes e formatos.

Ademais da creación, tamén impulsamos proxectos de dinamización cultural. Entre eles está o festival herDanza, que organizamos dende 2016, no que propoñemos espectáculos, residencias artísticas, obradoiros, proxeccións e encontros en distintos espazos da cidade. Con este proxecto buscamos apoiar a creadoras e creadores e achegar a danza contemporánea a diferentes públicos.

Tamén fomos desenvolvendo iniciativas como o Certame Coreográfico Compostela e diferentes propostas formativas dirixidas a persoas con distintos niveis e intereses, traballando arredor da danza contemporánea, a improvisación e o movemento.

Durante varios anos, ata 2022, xestionamos o noso propio centro de danza contemporánea en Santiago de Compostela, que funcionou como un lugar de encontro para a formación, a creación e a investigación.

En xeral, entendemos o noso traballo como un proceso en constante evolución, baseado na colaboración, na aprendizaxe continua e no desexo de contribuír, na medida do posible, ao desenvolvemento da danza contemporánea no noso contexto.

 

Deja un comentario